Sunday 05 de May de 2024

O Concello inaugura ‘Preguntas’, de Eduardo Chillida, cuxa obra se expón por primeira vez na Coruña


O Kiosko Alfonso albergará ata o 1 de febreiro, 110 obras do artista vasco entre esculturas, gravitacións, debuxos, colaxes ou gravados nunha mostra comisariada polo seu fillo,Ignacio Chillida

O tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada polo comisario da exposición Preguntas, Ignacio Chillida e a coordinadora da exposición Preguntas de Eduardo Chillida, Teresa Porto, presentou a mostra do escultor vasco que acollerá o Kiosko Alfonso ata o próximo 1 de febreiro de 2015.
“Como dixemos o día da súa presentación, hoxe cumprimos cun sono desta Concellaría, do Goberno municipal e da cidade: lograr que A Coruña, veciños e visitantes, poidan gozar, por primeira vez, dunha exposición dun artista clave na evolución artística nacional e internacional do século XX. Unha oportunidade única para gozar da obra de Chillida, da variedade e riqueza da súa produción ou da súa inconfundible expresividade; en definitiva, falamos dun acontecemento inigualable porque esta exposición xorde, ademais, do profundo coñecemento e sensibilidade que un fillo pode ter sobre a obra do seu pai: Ignacio Chillida, comisario da exposición e director artístico da Fundación Chillida,” explicou Ana Fernández
Neste sentido, o fillo do artista e comisario da mostra, explicou que contará con 110 obras cedidas pola familia a través do MuseoChillida – Leku. Entre elas, esculturas, gravitacións, debuxos, colaxes ou gravados. Baixo o nome Preguntas, que fai referencia ao título do libro que Eduardo Chillida leu durante o seu nomeamento como Membro Honorario da Real Academia de San Fernando (Madrid, 1994), a exposición articularase en dúas plantas.
Na planta baixa, expoñeranse 12 esculturas de pequeno e medio formato, acompañadas de obras de papel: colaxes, gravitacións e debuxos preséntanse nas dúas salas. Cada un dos espazos dá exemplo da diversidade de materiais, técnicas e conceptos do universo de Chillida.
Da man do ferro, móstranse varios proxectos que realizou para a súa obra pública como Peite do vento, en Donostia, ou Homenaxe aHokusai, en Xapón-, ou Bigornia de sonos, unha das series de esculturas fundamentais na carreira do escultor. As dúas obras de alabastro que se presentan, Lo profundo é o aire ou Sin título revelan, a importancia que a luz, a poesía e a arquitectura tiveron no seu percorrido artístico.
Por último, as chamadas Lurrak (Terras) representan a aventura coa terra chamota, un material que Eduardo Chillida descubriu na Fundación Maeght de Saint Paul de Vence en 1973.
Paralelamente á súa obra escultórica, Eduardo Chillida desenvolveu profusamente a súa faceta gráfica -realizou preto de 650 tiradas de gravados e 24 libros de artista-. Na primeira planta da exposición, poderanse ver un total de 28 gravados e dous libros de artista: AMèmoire et a Main (1986) e Hommage à Jean-Sébastien Bach(1997).
A maioría dos gravados, en gran parte augafortes, aínda que tamén litografías, serigrafías e xilografías, teñen o seu título en éuscaro proba da vinculación que o artista tivo coa súa terra. Homenaxe a Piccaso, Remnbrandt, Sir Roland Penrose, Balenciagaou San Ignacio forman parte das incontables dedicatorias ou saúdos que o escultor realizou a artistas, filósofos, científicos e relixiosos, entre outros. Cidades como Barcelona, Múnic ou Berlin, coas que o artista tivo especial vinculación e nas que realizou diversos proxectos públicos, son outros dos títulos de gravados que presenta a mostra.
A Mèmoire et a Main, realizado polo poeta francés, Edmond Jabès, e Eduardo Chillida, combina poesía en letra de imprenta e 7 augafortes con relevo cuxa motivo central é a man. Homenaxe a J.S. Bach, un de líbroos de maior formato creado por Eduardo Chillida, móstrase na súa totalidade e rende homenaxe ao compositor alemán, que xunto co mar, foi considerado polo artista un dos seus mestres.
Acerca de Eduardo Chillida
Eduardo Chillida é un artista natural de Donostia (10 de xaneiro de 1924-19 de agosto de 2002), que pasou á historia polo seu traballo na escultura e o seu dominio dos materiais e o espazo. A súa obra está presente nos grandes museos e coleccións de todo o mundo, e as súas esculturas encóntranse fronte ao mar como en San Sebastián e en cidades como Washington, París, Lund, Munster, Madrid, Helsinki, Basilea, Palma de Mallorca, Guernica ou Berlín. Sobre a súa obra escribiron arquitectos, matemáticos, filósofos como Martín Heideggeer e Emile Cioran, ou poetas como Octavio Paz.